CAMPUS DE BATUCADA DE MERZA

Edición 2021

22, 23, 24 e 25 de xullo.

O Campus de Batucada de Latexo é unha experiencia formativa integral para batuqueiras e batuqueiros. Unha oportunidade excepcional para iniciarse no marabilloso mundo da batucada, para perfeccionar a túa técnica ou para coñecer novos ritmos.

A relación entre a actividade e a contorna é unha das súas características máis destacadas: realizado no Parque da Carixa, en Merza, o Campus integra percusión, ruralidade e natureza de forma orgánica.

Na súa segunda edición, continuamos apostando polas mesmas áreas formativas e por un esquema similar ao de 2020. Deste xeito traballaremos danza e movemento, danza con instrumento, técnica de man e de baqueta e repertorio de bloco.

A principal novidade da presente edición é a presenza de Toño Monedero como profesor convidado para a área de repertorio de bloco. Outras novidades son a creación do Campus Infantil e a división en 3 niveis de experiencia.

Do mesmo xeito que na edición anterior, a actividade desenvolverase nunha contorna segura e cumprindo todas as medidas de seguridade necesarias, esixindo un compromiso a ese respecto a todas as persoas participantes.

O Campus

O Campus de Batucada de Latexo é unha actividade que combina a vida no rural e na natureza coa experiencia formativa integral no campo musical da batucada.
Os nosos valores son o traballo en equipo, a diversión como vehículo condutor da aprendizaxe, o feminismo, a ecoloxía e a posta en valor do medio rural.
O Campus ten un formato de catro xornadas con clases polas mañás e talleres complementarios polas tardes, cunha mostra final na que nos xuntaremos todos os grupos.
O Campus atópase no contexto do festival internacional de percusión Merza Percusión, completando así unha semana de actividades, entre ambos os eventos, e conseguindo sinerxias moi interesantes.

Materias e horarios

Materias do Campus:
1) Danza, movemento e coordinación.
2) Danza con instrumento. Coordinación do movemento coa percusión.
3) Técnica de baquetas e mazas. Adestramento rítmico.
4) Técnica de man aplicada ao timbau, recursos e ritmos do instrumento.
5) Ensamble do bloco. Ritmos e arranxos tradicionais dos Blocos Afro de Salvador.

Horarios:
1) Clases todas as mañás, de 10:00 h a 14:30 h.
2) Actividades polas tardes: Talleres complementarios, actividades culturais e roteiros naturais.

O equipo

O equipo docente está composto principalmente polas diferentes persoas especialistas do propio equipo de Latexo.
Ademais, este ano temos a sorte de contar co gran percusionista e didacta Toño Monedero, que será o encargado de dar as clases de repertorio de bloco.

Fai click no botón de abaixo para coñecer máis información do profesorado e os seus currículos.

equipo latexo

Campus infantil

Como novidade nesta edición creamos un novo espazo musical Infantil para idades de 6 a 12 anos onde poderán gozar de múltiples actividades lúdico-creativas nunha contorna rural inmellorable!
A idea deste espazo xorde como ferramenta de conciliación tanto para nais e pais que queiran asistir ao Campus de Batucada, como para familias da zona que poidan estar interesadas.
A mellor forma de que se acheguen ao mundo da batucada e da música a través do xogo!

Obradoiros

As clases do Campus complementaranse con obradoiros específicos que completarán a formación técnica ou artística das batuqueiras ou batuqueiros.

Estas actividades realizaranse en horario de tarde e, a diferenza das aulas de pola mañá, non terán separación por niveis.

Deste xeito poderemos gozar de obradoiros de malabares, de construción de mazas, levantamento de surdos, de lectura, etc.

Concertos

Cada día teremos a oportunidade de gozar dun ou varios concertos relacionados coa percusión, a batucada ou co World Music.

Estas veladas musicais culminarán a programación cultural do Campus.

Na ligazón de abaixo poderedes coñecer os diferentes grupos participantes a medida que os vaiamos confirmando!

Niveis

O Campus dividirase en varios grupos baseados no nivel previo das persoas inscritas. Os grupos estarán formados por un máximo de 15 persoas de nivel afín.

Nivel Iniciación. Traballaremos desde a base as diferentes materias do Campus, poñendo especial énfase no movemento e a técnica básica. Non é necesario ter ningunha experiencia previa.

Nivel intermedio. Necesaria experiencia previa en percusión ou batucada.

Nivel avanzado. Enfocado a persoas que dominen varios instrumentos na batucada e cunha mínima base a nivel técnico (coordinación, baquetas e mans).

Comida e dormida

As comidas corren a cargo dun cátering local: o restaurante O Refuxio. O menú é variado e de calidade e contémplanse as opcións vexetariana e vegana.

Para durmir, contamos cun albergue dentro das instalacións de Odaiko Krea Producións con todos os servizos necesarios.

Tamén contamos cunha zona de acampada para as persoas que prefiran esta opción.

Ademais das opcións anteriores, o pobo conta cunha zona de autocaravanas, para quen prefira achegarse coa súa propia casa móbil!

Prezos

Opcións de matrícula e prezos: fai a tua reserva anticipada antes do 27 de xuño!

-Campus: 80€ (Anticipada 65€)
-Campus + aloxamento: 130€ (anticipada 115€)
-Campus + aloxamento + pensión completa: 180€ (Anticipada 165€)
-Xornadas soltas: 30€

Abrimos inscricións o 1 de xuño!

Lembra que as prazas son limitadas!!

A contorna

Monastery_of_Carboeiro

Un dos motores do noso Campus de Batucada é a realización de actividades na natureza e no medio rural, ofrecendo un respiro case literal ante a vida que habitualmente nos ofrece a contorna urbana.
Deste xeito as actividades do Campus desenvolveranse en Merza, un pequeno pobo do concello de Vila de Cruces. Nun dos seus extremos atópase o Parque da Carixa, que será a localización elixida para realizar as actividades.
Nos arredores de Merza atopámonos lugares de gran importancia a nivel histórico e preciosos enclaves naturais, así como varios roteiros de sendeirismo moi interesantes.

Medidas COVID

-Uso obrigatorio de máscaras e protocolo específico COVID 19.
-Máis de 4.000 m2 no rural.
-Actividades ao aire libre.
-Instrumentos asignados individualmente para todo o curso.
-Concertos ao aire libre con capacidade para 300 persoas.
-Subgrupos de traballo de máx. 15 persoas.
-Quendas nas comidas.
-Respecto da distancia de seguridade en todas as actividades do curso.

O curso Merza Percusión e o FIP

O Campus de Batucada naceu como unha sección específica dentro da programación do curso Merza Percusión, que se celebra na mesma localidade durante os catro días seguintes.

Podedes consultar a programación no botón de abaixo!!

merza

Aínda tes dúbidas??

Inscríbete!!

latexo-formacion-logo
Scroll to Top