Batucada Social en San Tomé e Príncipe
O proxecto de batucada social en San Tomé e Príncipe desenvolveuse entre os meses de agosto e setembro de 2022 a partir dunha colaboración entre Latexo e a ONG portuguesa Oikos. Os obxectivos principais do proxecto foron dotar ás comunidades coas que traballamos de materiais, técnicas de construción e coñecementos musicais inaccesibles para elas polas limitacións nas comunicacións insulares e a falta de medios en xeral.
Durante todo o proceso, recibimos unha gran cantidade de apoios e doazóns de materiais, implicándose así tanto colectivos de Galicia e outros lugares, como persoas particulares que tamén quixeron achegar. Incluso algunhas marcas que se sentiron atraídas polo proxecto quixeron mostrar o seu apoio.
Algunhas fotos do proxecto
...Por que non montamos un bloco social en San Tomé?
Esa foi a pregunta que lle fixo Tomás a Andrés un día, mentres falaban por teléfono. "Por que non??" respondeu Andrés. Tomás e Andrés son amigos desde a adolescencia, ambos veciños de Panxón. Tomás leva anos xestionando proxectos de cooperación en lugares en vías de desenvolvemento e xa leva algún tempo vivindo en Santo Tomei, onde traballa na ONG Oikos.
Así empezou a aventura, á que desde o comezo sumáronse Irene e Mónica. Desenvolver o proxecto, facer prototipos de tambores, negociacións con comunidades da illa, procura de apoios e materiais tanto no país africano como en Santiago de Compostela. Chamadas, viaxes, dosieres, bosquexos, soldaduras...o proxecto estaba en marcha!!
Preparativos previos ao encontro co grupo...
Mentres Tomás buscaba materiais na illa para darlles unha nova vida (bidóns usados, cubos, etc), Andrés comezou a facer prototipos para comprobar que os futuros tambores serían funcionais. Do mesmo xeito, en Santiago de Compostela, fóronse construíndo as pezas dos surdos, repeniques, etc. que logo se montarían no país ecuatorial, xa que alí non habería nin as ferramentas, nin os materiais necesarios para facelo.
Grazas a Antonio Monedero, gran percusionista e amigo, recibimos o inesperado apoio de Contemporânea, unha das máis importantes marcas de instrumentos de batucada, a cal se comprometeu a doar todos os parches necesarios para o proxecto. Finalmente, por un problema loxístico non puido ser, pero no seu lugar, numerosos colectivos galegos fixeron doazóns de parches usados e novos, ata ter máis do dobre dos necesarios para montar todos os tambores!! Algunhas persoas particulares tamén se fixeron eco do chamamento, doando parches, materiais varios e mesmo diñeiro, para que o proxecto se puidera levar a cabo.
Unha vez na illa, e xa con todos os materiais reunidos, recibimos a inestimbable axuda de Mijail, o noso amigo moldavo, ex membro do Exército Vermello e gran aficcionado a beber cervexa pola mañá. No seu taller, acabamos de montar os corpos dos surdos, só a cambio de que lle fornecésemos Super Bock xeadas, mentres escoitabamos as súas alucinantes historias.
Nos días previos ao encontro fomos ensamblando os tambores cos corpos conseguidos na illa e as pezas traídas da Galiza. Do mesmo xeito construímos os chocalhos e shakers con chapas de botella e outros materiais reciclados, e as mazas, reutilizando paus de escoba, escumas e teas.
...Chegou o día do encontro na comunidade.
O martes 6 de setembro foi o primeiro dos dous encontros que tivemos nas comunidades. Conseguimos a conexión coa xente de alí a través do grupo de capoeira Uniarte e grazas principalmente a Clotilde e Waister, contramestre do grupo, que fixeron as presentacións e acolléronnos coma se fósemos a súa propia familia, facilitando enormemente a comunicación co seu sempre presente bo humor.
En Sao Joao dá Vargem a tarde comezou montando algúns tambores e accesorios. Deste xeito os "manitas" do grupo aprenderon as técnicas para fabricar eles mesmos surdos, repeniques, mazas, cintos e baquetas de nylon. Unha vez todos os tambores estiveron a punto, fixemos un taller no que tocamos Reggae, Samba Reggae e Merengue de Olodum. Algúns destes ritmos e nomes soábanlles de ver cousas en Youtube. A tarde acabou cunha Jam percusiva na que se fusionaron os ritmos que nós levamos, cunha amálgama de ritmos de capoeira, samba e Bulaué, ritmo tradicional da illa.
O xoves 8 fixemos o mesmo no grupo de Santana, núcleo de poboación ao sur da capital. Sariel, do grupo de Santana contábanos que levaba moitos anos querendo tocar un destes tambores, que non había en toda a illa, por ver o videoclip de Michael Jackson e Olodum They Don´t Care About Us, e que era un auténtico soño feito realidade.
Os tambores e recambios repartíronse entre ambos grupos, a partes iguais, coa intención e a promesa de xuntarse de cando en vez para montar un gran bloco.
Feedback e agradecementos
Desde entón, periodicamente envíannos vídeos dos seus ensaios e actuacións, a través dos que podemos realizar un seguimento do proxecto. Este primeiro encontro converteuse no xermolo dunha relación que esperemos que dure moitos anos, entre Latexo e o colectivo batuqueiro en San Tomé.
Agradecemos enormemente a todas as persoas, organizacións, empresas e asociacións que fixeron que este proxecto se levase a cabo: Oikos, Tomás, Mónica, Contemporânea Musical, Tortuga Boreal, Os Perqtores, Tambukda, Trópico de Grelos, Toño Monedero, Aperta, Fran Troncoso, Félix Rodriguez, Iria Trotamundos, David Canaval, Dani Que Dani, Marcos, Mijail, Clotilde, Waister, Mario Brouquen, Elton Santos, Marcos Hormigo e tantas outras persoas das que recibimos apoio.
GRAZAS!!